Tuesday 30 de April de 2024

A XIII Festa da Merenda de Aiazo (Frades) repartirá de balde un milleiro de tortillas de masa con torriscos este Domingo de Ramos


Organizada pola asociación de veciños “Os Pasos”, incluirá unha Foliada da Merenda con grupos folclóricos e verbena coas orquestras París de Noia e Principal

A área recreativa de Aiazo (Frades. GPS: 43º 0´58” N – 8º 16′ 54” W) acollerá este Domingo de Ramos a decimoterceira edición da Festa da Merenda, unha festa na que se repartirán máis dun milleiro de tortillas de masa con torriscos elaboradas aló mesmo por unha vintena de cociñeiras da parroquia. Unha festa organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos”, en colaboración co Concello de Frades.

De feito, traballadores do Concello de Frades e do Obradoiro de Emprego Ordes-Frades realizaron esta semana labores de mantemento nesta área recreativa para que todo estea listo para a celebración. Unha festa que dará comezo ás 12:00 horas coa degustación gratuíta das merendas, elaboradas baixo unha carpa pechada durante toda a xornada por unha vintena de cociñeiras, que se irán cambiando en varias quendas. Aínda que a base é común para todas e está feita con ovos, auga e fariña, despois cada cociñeira lle dá o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla como por se as acompaña ou non por torriscos (láminas de touciño de porco).

Ás 13:30 horas terá lugar a actuación da Charanga Mekánica, que dará paso ao xantar. Ademais das merendas gratuítas, as familias poderán escoller entre traer a comida da casa (e utilizar as mesas e a contorna da área recreativa) ou optar por unha polbeira (de pago) que estará aberta todo o día baixo a carpa.

Foliada e orquestras

A partir das 16:00 horas terá lugar a gran Foliada da Merenda, organizada pola agrupación Sarillo de Aiazo en colaboración coa Asociación de Veciños “Os Pasos”. Contará coa participación dos grupos Reviravolta (Lardeiros), Os Amighos da túa prima, Faíscas da Pontraga (Ordes) e os locais Sarillo (Aiazo). A partir das 18:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Principal, que se estenderá ata ben entrada a madrugada.

A Festa da Merenda naceu hai trece anos para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que naceu para lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutros tempos e que agora é unha das citas gastronómicas máis agardada da comarca. Ademais da degustación gratuíta, dende a organización volverán ofrecer por terceiro ano consecutivo a posibilidade de comprar merendas para levar, que se entregarán en caixas de pizza: unha por 3 euros, dúas por 5 euros.